Deputación da Coruña Deputación da Coruña
Unha deputación ó servicio da provincia 24 horas ó servicio da provincia A Coruña por concellos Un destino compartido Fomentar, promover, conservar, difundir a nosa cultura, a nosa arte, as nosas tradicións e honrar ós nosos personaxes ilustres Facer turismo na Coruña
Últimas novas Directorio de enderezos de correo Busca Axuda Suxestións
Galego / Castellano

César Antonio Molina

(A Coruña 1952-)

 

Nado na Coruña (Galicia) no 1952. Escritor, profesor de Universidade, articulista, tradutor, xestor cultural e político. Ministro de Cultura entre 2007 e 2009. A súa obra poética aparece recollida en numerosas antoloxías e está traducida a varios idiomas.

Publicou medio cento de libros de ensaio, prosa e poesía.

Licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. Doutorouse cum laude co traballo de investigación La prensa literaria española, publicada en tres volumes.

Poeta recoñecido, antologado e traducido, excelente crítico e ensaísta, ten unha copiosa obra publicada que supera o medio cento de títulos. Nela destaca unha serie de “memorias de ficción” (o que el chama a súa “novela da memoria”), composta por: Vivir sin ser visto (2000), Regresar a donde no estuvimos (2003), Esperando a los años que no vuelven (2007), Lugares donde se calma el dolor (2009), Donde la eternidad envejece (2012) e Todo se arregla caminando (2016).

En Las ruinas del mundo, de 1991, cun prólogo do gran poeta, ensaísta e tradutor Ángel Crespo, reuniu os seus primeiros libros de poesía.

A antoloxía da súa poesía El rumor del tiempo (1974-2006), publicada pola editorial Galaxia Gutenberg-Círculo de Lectores, é unha ampla mostra do seu labor, prologada por Antonio Gamoneda e seleccionada e estudada por Julián Jiménez Hefferman.

En 2002 foi incluído na importante antoloxía de poesía en lingua española (1950-2000) Las ínsulas extrañas, publicada por Galaxia Gutenberg. A selección foi levada a cabo por dous grandes poetas hispanoamericanos, Eduardo Milán e Blanca Varela, e por dous españois, José Ángel Valente e Andrés Sánchez Robayna.

En 2010 outórgaselle o Premio Letterario Europeo Alberico Sala, no seu apartado de poesía, concedido por un xurado internacional composto por críticos de Italia, Gran Bretaña, Francia e España,  promovido polo Corriere della Sera, o Pen Club Italia e o Comune di Treviglio, entre outras institucións culturais. Noutras categorías tamén estarían Alberto Arbasino (narrativa), Massimo Franco (xornalismo) e Simone Caltabellota (ópera prima). César Antonio Molina foi premiado por toda a súa obra poética, traducida ás linguas do xurado.

Foi profesor de Teoría Literaria e Crítica Literaria na Universidade Complutense de Madrid, e seguiu séndoo nos últimos anos, na Facultade de Humanidades e Periodismo da Universidade Carlos III de Madrid. Durante varios anos coordinou os Cursos de Humanidades da Universidade de Verán de El Escorial.

É doutor honoris causa pola Universidade L’Orientale de Nápoles.

Como xornalista e articulista, iniciou a súa actividade no xornal La Voz de Galicia. Máis tarde, trasladouse a Madrid onde foi colaborador habitual da revista Cuadernos para el Diálogo e do suplemento de libros do diario Informaciones. Colaborou nos suplementos literarios de Diario 16, El País, La Vanguardia, La Voz de Galicia e da revista de información xeral Cambio 16. Así como en revistas especializadas como Revista de Libros, Sibila, Ínsula, Quimera, Barcarola, Olvidos de Granada, Nuevas Letras, Anthropos, Album, Turia e Revista de Occidente. Así mesmo, foi un dos fundadores, xunto á poeta Amalia Iglesias, da revista La alegría de los naufragios, que xurdiu a finais dos anos noventa para "recuperar a poesía da trivialización".

O seu labor como comisario de exposicións, crítico literario e columnista, así como colaborador en programas de cultura de radio e televisión, foi incesante ao longo de catro décadas.

En Sobre la inutilidad de la poesía, Nostalgia de la nada perdida, En honor de Hermes ou La poesía es un error necesario aúnanse os seus ensaios sobre a poesía e narrativa do século XX e inicios do XXI. En 1990 publicou o seu libro Sobre el Iberismo, prologado polo Premio Nobel de Literatura José Saramago, cun epílogo de Ángel Crespo.

Entre 1985 e 1996 traballou en Cambio 16 e Diario 16 onde foi director adxunto e responsable das páxinas de Cultura e Espectáculos, así como dos suplementos Culturas e Libros. En 1996 incorporouse ao Círculo de Belas Artes de Madrid como director-xerente, cargo no que estivo ata maio de 2004, levando a cabo, desde o seu mandato, unha profunda e exitosa renovación como centro cultural de primeira orde na capital, equiparándoo aos mellores europeos.

Entre maio de 2004 e xullo de 2007 foi director do Instituto Cervantes.

En setembro de 2005 o goberno de Francia nomeouno Cabaleiro da Orde das Artes e Letras.

O 6 de xullo de 2007 foi nomeado ministro de Cultura, polo goberno socialista do presidente José Luis Rodríguez Zapatero.

O 9 de marzo de 2008, nas eleccións xerais, obtivo a acta de deputado ao Congreso dos Deputados pola provincia da Coruña.

Tras unha profunda remodelación do Goberno do 7 de abril de 2009, cesou como Ministro de Cultura. Poucos meses despois deixou o seu escano de deputado para volver a incorporarse á Universidade.

Entre os años 2010 e 2017 creou e dirixiu a Casa del Lector en Madrid (pertencente á Fundación Germán Sánchez Ruipérez).

En 2010 César Antonio Molina fixo doazón á Deputación da Coruña, a súa cidade natal, dos primeiros 25.000 volumes, documentos e manuscritos da súa biblioteca, ademais de obxectos persoais, que fora atesourando ao longo dos anos xunto á súa muller, a tamén escritora e crítica literaria Mercedes Monmany. Unha sala desa Biblioteca Provincial leva actualmente o nome de ambos.

As súas últimas obras publicadas son  Tan poderoso como el amor (2018), un ensaio onde reflexiona sobre o amor, a morte e o destino a partir do discurso cinematográfico, e Las democracias suicidas (Fórcola, 2019), libro que reúne unha serie de textos que denuncian a irrupción dos totalitarismos ideolóxicos, tecnolóxicos e económicos no espazo baleiro que vai deixando o abandono das humanidades e a perda dos valores políticos e sociais de convivencia.

Actualmente reparte os seus artigos políticos, as súas críticas literarias e as súas crónicas de viaxes entre os xornais El Mundo, ABC e El País.

A súa obra atópase traducida ao inglés, francés, italiano, árabe, hebreo e serbio.

 

Libros publicados (selección)

Condecoracións e recoñecementos

 

Mercedes Monmany

(Barcelona, 1957-)

 

Licenciada en Ciencias da Información e estudos en Filoloxía Francesa na Universidade Complutense de Madrid. Curso de Literatura Italiana Contemporánea na Università Dante Alighieri de Florencia.

Chevalier des Arts et des Lettres polo Goberno de Francia. Cavaliere dell’Ordine della Stella d’Italia. Medalla de Ouro ao Mérito de Serbia.

Especializada en temas de literatura contemporánea, e europea en particular, foi editora de poesía, asesora editorial, crítica literaria nos principais suplementos de xornais españois, colaboradora en distintas institucións culturais, directora de cursos dedicados a literaturas europeas na UIMP e outras universidades, así como forma parte actualmente de diversos consellos de redacción de revistas culturais como Revista de Libros, Sibila de Sevilla, a revista británica GRANTA na súa versión en español, ou como La Alegría de los Naufragios, de poesía e pensamento.

Traduciu a autores como Leonardo Sciascia, Attilio Bertolucci, Francis Ponge ou Philippe Jaccottet.

Publicou edicións críticas de escritores como Álvaro Mutis, Claudio Magris, Wislawa Szymborska, Miklós Bánffy, Margaret Atwood, Izrail Metter, Varian Fry, Gesualdo Bufalino e Hugo Claus.

Dirixe a colección de poesía e ensaio literario La Rama Dorada da editorial Huerga & Fierro e dirixiu Los Papeles de Sefarad (do Centro Sefarad-Israel, editada por Errata Naturae).

Publicou os libros: Una infancia de escritor (Xordica Editorial), Don Quijote en los Cárpatos (Editorial Huerga & Fierro), Vidas de mujer (Alianza Editorial), De lo maravilloso y lo real. Antología de Joan Perucho(Colección Obra Fundamental. Banco de Santander. 2014), Everyday Heroes (texto para o volume Both Light and Shadow (The Work of Adam Zagajewski, editorial a5, Cracovia, 2015) e un volume de 1500 páxinas sobre literaturas europeas, que inclúe 320 autores europeos, co título de Por las fronteras de Europa (Un viaje por la narrativa de los siglos XX y XXI,Editorial Galaxia Gutenberg, 2015), con prólogo do escritor Claudio Magris. Igualmente, na editorial Galaxia Gutenberg, en 2017, publicou o ensaio: Ya sabes que volveré (tres grandes escritoras en Auschwitz: Irène Némirovsky, Gertrud Kolmar y Etty Hillesum), polo que foi recentemente galardoada co Premio Internacional de Ensaio Caballero Bonald.

Comisaria de diversas exposicións dedicadas a grandes escritores como Julio Verne, Isaac Bashevis Singer e G. T. dei Lampedusa, forma parte actualmente de varios xurados de premios literarios como o Premio Café Xixón de Novela, o Premio de Narrativa Juan Goytisolo (do que é presidenta do xurado), o Premio Lampedusa (concedido anualmente en Sicilia) e o premio internacional Zbigniew Herbert International Literary Award de Varsovia. En dúas ocasións foi xurado do Premio FIL (Feira Internacional do Libro de Guadalaxara, México) para Linguas Romances, así como do Premio Fondazione Napoli.

Colaboradora ao longo dos anos de distintos medios españois (La Vanguardia, El Pais, Diario 16, as revistas Turia, Revista de Occidente, Revista de Libros, Vanguardia Dossier, ou a francesa Cahiers de l’Herne) desde o ano 2000 escribe de forma regular no suplemento ABC Cultural sobre literaturas estranxeiras.

En 2010 foi xurado, xunto ao escritor arxentino Edgardo Cozarinsky, o estadounidense Francisco Goldman, a xornalista británica Isabel Hilton e os editores da revista británica GRANTA en español, Aurelio Major e Valerie Miles, da selección feita por primeira vez nesta revista, nunha lingua que non é o inglés, dos 22 mellores escritores en lingua española, de menos de 35 anos.

Editora igualmente en 2013, xunto aos críticos Javier Aparicio Maydeu e Aurelio Major, dunha selección de textos editados en bilingüe, inglés e español, de 9 autores españois dos nosos días, para a importante revista estadounidense Words Whithout Borders.